Monday 29 de April de 2024

O PXOM de San Sadurniño encara os últimos días de exposición pública


O alcalde acusa ao PP de empregar o planeamento “como arma de desgaste político”

O próximo luns remata o prazo de exposición pública da proposta inicial do PXOM. Dous meses en que a veciñanza de San Sadurniño tivo oportunidade de consultar a documentación, de ampliar información ou solventar dúbidas e de presentar alegacións propoñendo cambios. A día de hoxe, 26 de xaneiro, lévanse rexistradas arredor de 150, centradas principalmente na solicitude de ampliación dos núcleos rurais existentes e en peticións de cambio a usos forestais de terreos agrícolas nos que se fixeron plantacións nos últimos anos.

Desde o Concello vólvese insistir en que este é o momento de presentar o maior número posible de alegacións co obxectivo de que a futura ordenación do chan se axeite ás necesidades da xente e ao crecemento futuro do territorio. Todas as solicitudes recollidas serán informadas tecnicamente e aquelas que cumpran coa normativa autonómica sobre o solo e outra lexislación sectorial -forestal, hidráulica, etc.- serán incorporadas ao documento definitivo. Neste sentido lémbrase que toda a información está dispoñible en formato dixital na web municipal e en formato papel no Concello. Ademais, a arquitecta municipal aínda atenderá consultas este mércores, o xoves e mailo venres.

A historia do PXOM en San Sadurniño remóntase ao ano 2004. Daquela o goberno do Partido Popular iniciou a redacción dun documento que, andando o tempo, tería que retocarse varias veces para adaptalo aos cambios esixidos polas modificacións na Lei do Solo. Porén, en esencia, a proposta de planeamento “mantense practicamente igual que en 2004”, tal e como explicou esta mañá o alcalde. “O planeamento mantén a filosofía e é case idéntico ao que popuña o goberno do PP, na liña de reflectir a realidade do territorio existente e de ampliar no posible os asentamentos poboacionais. O único que se fixo foi incorporar os cambios que se foron producindo na normativa autonómica, que obrigaron a refacer boa parte da documentación nos últimos anos e a retrasar a aprobación inicial do plan ata finais de 2015”, asegura Secundino García.

Críticas á postura do PP
A aprobación incial do PXOM produciuse no pleno do pasado 7 de novembro cos votos favorables de BNG e PSOE e a abstención do PP, a quen o alcalde lle critica “o seu mutismo e a súa total falta de colaboración nos últimos tempos para o desenvolvemento dun documento que é un calco do que eles mesmos puxeron en marcha”. Secundino García láiase de que nas xuntanzas entre os tres grupos políticos con representación municipal “antes e despois das eleccións de maio”, o Partido Popular “non fixo ningunha aportación, nin sequera se pronunciou. É máis, o seu portavoz só se preocupou de mirar que cualificación ían ter as súas propiedades e só no último pleno veu dicir que se debía ampliar o prazo de exposición pública e que igual era boa idea quedar sen ordenamento e esperar pola nova Lei do Solo. Antes das eleccións tiñan présa porque se presentase o planeamento e só uns meses despois queren tirar por terra dez anos de traballo e de recursos públicos. Paréceme unha postura, cando menos, irresponsable e unha falta de respecto aos veciños e veciñas do concello”.

A reacción do alcalde acentúase trala publicación esta mesma semana -a escasos seis días de que remate a exposición pública- dun boletín por parte do Partido Popular no que se cualifica a proposta do PXOM como “un plan xeral sen ambición […] que restrinxe cada vez máis as posibilidades de construír nas nosas terras”. O boletín acusa ao grupo de goberno de querer sacar adiante o PXOM tras un proceso “pouco claro e menos explicado”. Para García a estratexia do PP “segue a mesma liña á que nos teñen acostumados ultimamente: a do medo, a mentira e a demagoxia. Chegan a asegurar cousas tales como que ‘non se van poder volver plantar eucaliptos’ e que, quen o faga ‘afrontará unha multa de ata 10.000 euros’, ou incluso que ‘non se poderán facer obras de ampliación nas casas’, a pesar de que no mesmo boletín recoñezan algo máis adiante que isto non é así”.

O alcalde recorda que tan só dous días despois de aprobar inicialmente o PXOM -e case un mes antes de que se abrise o prazo oficial de alegacións- o Concello “desenvolveu asembleas en todo o territorio para explicar cales eran as liñas mestras do documento, os seus obxectivos e os medios que se porían a disposición da veciñanza” tanto para informar sobre o contido como para presentar solicitudes de modificación. “Demos a posibilidade de informarse e de facer consultas incluso antes de que se abrise o periodo de alegacións, algo que non é o habitual neste tipo de tramitacións” apuntou Secundino García. O obxectivo, segundo o alcalde, “foi o de actuar coa máxima transparencia e promover a máxima participación nunha cuestión fundamental para San Sadurniño”. A este respecto García pídelle ao PP “responsabilidade” e repróchalle “que veña a última hora usar o PXOM como arma de desgaste político en vez de contribuír ao seu enriquecemento. Como partido tamén pode presentar alegacións, algo que a día de hoxe aínda non fixo.”

Ampliación de núcleos
O periodo de exposición pública arrancou o primeiro de decembro e desde aquela a arquitecta municipal atendeu arredor de 300 consultas de persoas que pasaron polo Concello para saber a que tipo de chan quedaban adscritas as súas propiedades no planeamento inicial. Unha cifra que, ata o momento, non se corresponde co número de alegacións presentadas. De feito lévanse recibidas arredor de 150 que, na súa maior parte, se centran na petición de que se amplíe o alcance dos núcleos rurais, ben para incluír neles vivendas construídas en rústico ou ben para que recollan parcelas nas que poder edificar no futuro.

A proposta inicial do PXOM calcula que haberá chan para construír máis de 700 vivendas nos próximos anos. A cuestión é onde se vai poder edificar. “O documento define só unha zona urbana, a do centro de San Sadurniño, e 74 núcleos rurais -tanto comúns como tradicionais- cunha delimitación elaborada polo persoal da empresa redactora do plan. Agora estamos no momento de dicir se esa proposta vale ou se precisamos cambiar algo ata onde permita a lei. Por iso é tan importante que a xente alegue”, recalca Manolo Beceiro, titular da área de Xestión territorial. Beceiro sinala que nas vivendas que queden en chan rústico -fóra de ordenación- poderán acometerse labores de rehabilitación e mantemento “igual que ata agora” e que as novas construcións en rústico deberán estar vinculadas a unha explotación agraria en activo “tal e como marca a lei”.

O concelleiro indica, ademais, que as delimitacións de elementos patrimoniais, como son restos arqueolóxicos ou construcións con valor histórico e arquitectónico -vivendas tradicionais e edificios singulares entre elas- “non van supor un impedimento para facer rehabilitacións e outras obras en zonas afectadas, aínda que si será necesario facelas con sentido e axustándose a unha normativa que non é de agora e que esixe autorización previa de Patrimonio. Son moi poucas as construcións incorporadas ao PXOM con respecto ao que xa había e, en calquera caso, pódese alegar contra a súa inclusión” explica Beceiro.

Chan agrícola-chan forestal
Outra das peticións recorrentes nas alegacións presentadas ata o momento é a de que se caractericen como chan rústico de protección forestal parcelas que nos planos aparecen como chan rústico de protección agropecuaria. Dito doutro xeito, que os labradíos plantados con especies para madeira pasen a considerarse montes e non terreos agrarios posto que neles xa non hai actividade agrogandeira. Neste caso o alcalde volve referirse á legalidade: “se o persoal técnico indica que se cumpren os casos recollidos na normativa autonómica sobre o chan e sobre montes, esas peticións serán atendidas.”. Con todo, García tamén lembra que o PXOM “é unha norma que condensa moitas leis sectoriais e que, polo tanto, non pode amparar as repoboacións indiscriminadas que se fixeron e se están facendo de costas á legalidade que marca a Xunta”. Sobre a xestión forestal o alcalde insiste en que o planeamento “dimensiona suficientemente” a superficie forestal recoñecendo os usos que se fixeron do monte “durante xeracións” e puntualizando que “poderán seguirse cortando e plantando eucaliptos onde a lei o permita”.

Últimos días para presentar alegacións
O próximo luns, día 1 de febreiro, será o último día para presentar alegacións á proposta inicial do PXOM. “Queremos insistir por activa e por pasiva en que o documento que hai exposto ao público é unha proposta inicial. E iso quere dicir que está aberto a incorporar modificacións e cambios en base ás alegacións que formule a xente, sempre e cando as súas peticións se axusten á legalidade”, volveu insistir Secundino García. A este respecto desde o Concello lémbrase que todas as alegacións serán informadas polo persoal técnico da empresa redactora. As que conten cun ditame favorable serán incorporadas ao documento do PXOM tras ser aprobadas polo pleno. Porén, o percorrido do planeamento aínda deberá superar a validación da Xunta de Galicia antes de entrar en vigor.